Skip to Content

ADICCIÓN A SUBSTANCIAS

Antes de meternos en cuestión cabe destacar que debemos recoñecer que non todo consumo de drogas implica necesariamente un problema. Existen diferentes formas de consumo habituais e aceptados na nosa sociedade que non teñen que supoñer unha problemática, a dependencia é un proceso complexo que pasa por varias fases, frecuencias e formas.

A palabra “drogodependencia” contén un significado tan indesexable que, en ocasións, procuramos ignorar a posibilidade de que no noso entorno ou incluso na nosa propia persoa, poida existir unha problemática tan destructiva como a adicción a substancias. O estereotipo socioculturalmente arraigado da imaxe de drogadicto que boa parte da comunidade mantén redúcese á concepción dunha persoa marxinal, con moitas problemáticas asociadas á súa vida (delincuencia, pobreza, mendicidade...), con escasos recursos económicos, usuaria de servizos sociais, etc. sendo habitualmente vinculada esta imaxe cunha persoa heroinómana.

Pois ben, esta concepción distorsionada da realidade das drogodependencias así como do proceso que nos pode levar a elas, provoca un distanciamento entre a figura actual de consumidor de drogas e a posibilidade real de que o uso/abuso facilite o desenvolvemento da tolerancia e da dependencia a esa droga e, consecuentemente, unha adicción. Aínda que afortunadamente na maior parte dos casos non chega a establecerse un trastorno adictivo, canto máis ampla e realista sexa a nosa perspectiva máis preparados estaremos para frear ou reaccionar ante unha posible drogodependencia.

DROGODEPENDENCIA

Segundo o DSM-IV “a dependencia de substancias consiste nun grupo de síntomas cognoscitivos, comportamentais e fisiolóxicos. Estes indican que o individuo continúa consumindo a substancia, a pesar da aparición de problemas significativos relacionados con ela. Existe un patrón de repetida autoadministración que normalmente leva á tolerancia, a abstinencia e a unha inxestión compulsiva da substancia”.

Por tanto, a drogodependencia responde a un estado psíquico e físico causado pola interacción entre a persoa, a droga e o contexto. O comportamento do consumidor modifícase xerando consecuencias negativas nas diferentes esferas da súa vida, a conducta tórnase compulsiva unicamente guiada polo irrefreable impulso da necesidade de realizar un novo consumo co fin de experimentar efectos positivos ou evitar o malestar provocado pola privación da substancia.

INTERRELACIÓN ENTRE A PERSOA, A DROGA E O CONTEXTO   

A complexidade da interrelación das realidades que interactúan reciprocamente entre a persoa, a droga e o contexto no que conviven, resultan motivadores con respecto ao proceso de drogodependencias:

  • Características da substancia. Cada droga posúe unhas características farmacolóxicas propias que definen as súas diferentes potencialidades adictivas.
  • Características do consumidor. A persoa consumidora non é un elemento pasivo dentro do proceso de drogodependencias senón que é quen outorga significado e dota de interpretación á propia substancia, aos seus efectos, as súas consecuencias e incluso quen relaciona contextualmente as expectativas e a función que tanto a nivel social como persoal.
  • Características da realidade social. As características particulares do ambiente no que se establece a existencia e/ou consumo da substancia pode ser incitador de factores de vulnerabilidade ou de factores de protección. A influenza social exerce unha poderosa forza modeladora sobre a conducta das persoas.


A TOLERANCIA

O consumidor conta con cada vez máis ocasións idóneas para ter o consumo. A medida que a adicción vai collendo maior relevancia na vida do consumidor, este prefire asumir o risco de caer nela antes de deixar o consumo. Novas escusas xustificarán o comportamento adictivo no que se consolida a tolerancia.

A tolerancia é o proceso polo cal se produce unha progresiva diminución do efecto da droga a consecuencia da adaptación que o organismo realiza para minorar os efectos que a droga.lle provoca. Isto obriga ao consumidor a aumentala dose da droga para obter efectos positivos ou evitar malestar.

Por outro lado, na actualidade estase comezando a falar da tolerancia social, pola cal se considera que a diminución dos efectos da droga pode ser causado polo condicionamento ambiental, é dicir, o cambio mesmo das condicións nas que se consome a droga ou das expectativas e ánimo do consumidor, poden variar a intensidade e os efectos do consumo de drogas.

Pola contra algunhas drogodependencias actúan doutra maneira pois presentan reaccións máis fortes a menores cantidades de consumo. A denominada tolerancia inversa,  débese normalmente á propia base farmacocinética das substancias. No caso das persoas alcohólicas sucede esta tipoloxía de tolerancia pois estas persoas embriáganse coa toma dunha mínima cantidade de alcohol debido ao dano hepático e á acumulación da droga en determinados tecidos que aumentan no adicto a sensibilidade á substancia.

A tolerancia cruzada e outra evolución fisiolóxica común nas drogodependencias, refírese ao proceso polo cal unha persoa que desenvolve tolerancia cara unha determinada substancia vólvese tolerante tamén cara outras drogas de similar familia farmacolóxica.

A  DEPENDENCIA


Cando as drogas afianzan a súa presencia na vida das persoas é o momento concreto no que se produce un punto crítico, o control da situación por parte do consumidor está perdido, a súa conducta tórnase obsesiva e o consumo de drogas compulsivo. A dependencia aparece para consolidar a droga como prioridade vital do individuo. As diferentes tipoloxías de dependencia son:

  • Dependencia física: responde a un estado fisiolóxico alterado que se manifesta cando se interrompe o consumo de drogas. A aparición do síndrome de abstinencia é normal, este desaparece cando se reinicia o consumo.
  • Dependencia psíquica. O recordo da sensación de benestar que se producía no momento de consumir a droga provoca na persoa a necesidade de buscar e satisfacer esa mesma sensación de pracer ou para evitar unha sensación de malestar, a pesar dos custos persoais que supoña dito consumo.
  • Dependencia social. É a necesidade de consumir para evitar ser excluído dun grupo. Ás veces, o consumo dunha ou de varias drogas concíbese como un elemento propio da identidade dun grupo, de xeito que o non consumo pode xerar no individuo unha crise dentro do seu equilibrio social. A medida que a dependencia medra, o deterioro faise máis evidente e provoca no consumidor un proceso de despersonalización e autodestrucción que afecta a súa forma de pensar, de sentir, de relacionarse, etc.
  • Codependencia: Fai referencia ao impacto que a drogodependencia dunha persoa ten no seu entorno emocional (familia, parella, amizades...). Estas persoas ven alterada a súa conducta, actitudes e sentimentos. Este feito pode xerar un clima negativo de cara á recuperación ou mesmo de apoio ao enfermo. Exemplos desta forma de actuar pode ser: a conducta permisiva có drogodependente, reaccións emocionais de ansiedade ou depresión, alteracións psicosomáticas a consecuencia do estres, dificultades nas relacións sociais... As consecuencias comportamentais das drogodependencias non se reducen ao propio drogodependente, senón que se contaxian ao seu círculo de apoio.

SÍNDROME DE ABSTINENCIA

Tamén chamado síndrome de retirada ou de privación, coñécese popularmente como “mono”. O Síndrome de Abstinencia engloba un conxunto de síntomas psíquicos e físicos que aparecen ao interromper ou diminuír o consumo dunha drogo á que se é dependente. Cada droga ten un Síndrome de Abstinencia propio que suporá maiores ou menores dificultades pero que, en calquera caso, é temporal e imprescindible para conseguir superar a drogodependencia.

O Síndrome de Abstinencia Condicionado sucede cando as pautas de consumo de drogas se sucederon repetidamente nun mesmo ambiente cunhas características asociadas, isto provoca que determinados estímulos dese ambiente se asocien directamente aos efectos das drogas consumidas. Sendo así, situar a un suxeito agora abstinente en presenza dos citados estímulos, podería propiciar a aparición dun cadro similar ao Síndrome de Abstinencia e incluso chegar a impulsar unha necesidade de consumo recaendo no mesmo.

O Síndrome  de Abstinencia Tardío, por outra banda, dáse cando aparecen síntomas (trastornos psíquicos e físicos) en persoas dependentes de opiáceos que xa se encontran desintoxicados. Estes síntomas perseguen ao ex consumidor tempo despois da abstinencia, o que dificulta en gran medida a reinserción da persoa na comunidade e o mantemento da abstinencia.

INTOXICACIÓN

A intoxicación aparece cando unha persoa consume unha droga de forma tal que o organismo non é capaz de eliminala. Existen diferentes tipos de intoxicación:

  • Intoxicación aguda; é provocada por unha acumulación da substancia no corpo do consumidor nun tempo menor ao que o seu propio organismo emprega eb desintoxicarse, é dicir, consumes a un ritmo maior que a capacidade de eliminación do organismo polo que acabas intoxicado. Cando a intoxicación aguda é grave pode supoñer a morte (ex: coma etílico). Cabe destacar que a sobredose é unha intoxicación aguda tal que imposibilita toda posibilidade de resposta defensiva do organismo.
  • Intoxicación crónica; cando o consumo da substancia é realizado de forma continua  ao organismo non lle da tempo a eliminar esa substancia que se incrementa de forma continua. Maniféstase a tolerancia e a dependencia de tal forma que supón unha alteración biolóxica, psicolóxica e social para a persoa.