Skip to Content

Cine e Drogas

Nos anos 30 Hollywood consolidouse no mercado como unha gran industria que produciría cambios notables na vida de tódolos cidadáns: rutinas, hábitos, modas... A partires do momento no que o cine se converteu nun ben accesible para a poboación mundial, adquiriu ambiciosos obxectivos que ían máis aló da utilización deste recurso en tempo de ocio dos cidadáns para converterse nun ben estratéxico de influencia social imprescindible para as grandes empresas, entre elas, as industrias alcoholeras e tabaqueiras.

 

A industria do alcohol e, especialmente, as tabaqueiras viron no celuloide un gran tirón comercial. Quixeron aproveitar as potencialidades de tan prezado medio que capturaba a atención dos cidadáns durante horas, formalizando contratos millonarios coas productoras e mesmo cós actores e actrices de forma individual para que aparecesen fumando en actos públicos. Así, grandes empresas tabaqueiras potenciaron a unión da imaxe do cine aos seus productos de forma que se vinculase o glamour e sensualidade das mulleres e a fortaleza, virilidade e poder dos homes.

 

A imaxe que temos na memoria de grandes do cine como Humprhrey Bogart, Clark Gable, John Wayne ou Bette Davis, Ryta Hayworth ou Lauren Bacall, todos atractivos galáns e grandes divas que proxectaban unha imaxe glamurosa e sensual unida ao cigarro na boca.

 

Este tipo de filmes eran vistos por milleiros de mozos e mozas da época e foron moitos quen, fascinados pola imaxe que numerosas estrelas hollywoodienses daban mentres fumaban, caían na tentación de comezar a fumar atraídos pola fantasía da gran pantalla. As tabaqueiras beneficiáronse exponencialmente desta tendencia que marcaba a industria cinematográfica, a partir daquel momento os fumadores multiplicáronse.