Skip to Content

TENDENCIAS NO CONSUMO

Como se resaltou no apartado da “Evolución dos consumos”, a conxunción de diversas variables traduciuse nun incremento xeneralizado dos usos e abusos de drogas chegando nestes anos ao máximo nivel histórico en canto a prevalezas de consumos. Nos últimos anos esta tendencia á alza estabilizouse producíndose nalgúns casos un descenso no consumo de certas drogas, situación que pode ser debida, entre outras moitas variables, á sensibilización social dada por un maior coñecemento dos efectos e riscos que ocasiona o abuso de drogas, ademais dun incremento da concienciación en certas conductas de risco asociado entre o consumo de drogas e comportamentos que esixen concentración, como por exemplo a conducción ou o exercicio de certos traballos.

O Observatorio de Galicia sobre Drogas, no seu informe xeral de 2006, describe a s seguintes diferenzas relevantes na evolución mantida entre 1992 e 2004 nos hábitos de consumo dos distintos grupos sociais:

  • Entre os adolescentes de 12 a 18 anos incrementáronse os consumos de tódalas drogas, a excepción dos tranquilizantes.
  • Entre os mozos de 19 a 24 anos reduciuse a porcentaxe de fumadores diarios, bebedores abusivos e os consumos de tranquilizantes, hipnóticos, drogas de síntese, anfetaminas e heroína, pero aumentaron os de cannabis, cocaína e alucinóxenos.
  • Entre os adultos de 40 a 54 anos incrementouse a porcentaxe de fumadores diarios e o de consumidores de tranquilizantes, cannabis, cocaína, anfetaminas, alucinóxenos e heroína, en tanto que descendeu o consumo abusivo de alcohol e hipnóticos e se mantivo estable o uso de drogas de síntese.
  • Os hábitos de consumo evolucionaron dispares entre os homes e as mulleres. Estas incrementaron o seu consumo diario de tabaco, abusivo de alcohol e de cannabis, tranquilizantes e hipnóticos nos últimos seis meses, reduciuse o de drogas de síntese, anfetaminas e heroína e mantívose estable o de cocaína e alucinóxenos. Pola contra, os homes aumentaron o consumo de cannabis e alucinóxenos, mentres que reduciron o consumo diario de tabaco, abuso de alcohol, tranquilizantes e hipnóticos, anfetamina e heroína, e se mantiveron estables os de cocaína e drogas de síntese. Esta evolución está producindo unha preocupante homoxeneización nos consumos de drogas.


Maila favorable evolución que se mantén a nivel xeral nos últimos anos, debe destacarse:

  • O consumo de tabaco entre adolescentes rexistra prevalencias moi elevadas, cunha tendencia alcista no caso das mulleres.
  • Se ben a evolución dos consumos abusivos de alcohol é globalmente positiva, aínda presenta prevalezas moi elevadas entre a mocidade.
  • Aínda que neste intre se atopan á baixa, anos anteriores de constante aumento do número de consumidores de cannabis segue mantendo elevados índices de prevaleza.


Descargar a Enquisa Domiciliaria sobre Alcohol e Drogas en España (EDADES) desenvolta no período 2009/2010 pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas. Este documento describe a investigación realizada sobre   20.109 enquisados, atendendo ao estudo da prevaleza e a evolución dos consumo xunto con diversos aspectos relacionados coas drogas legais e ilegais.

 

Descargar o Informe Xeral 2006 do Observatorio Galego sobre Drogas.