Skip to Content

EVOLUCIÓN DO CONSUMO

Durante a década dos 70 a forma de consumir drogas fundamentábase no denominado modelo tradicional, liderado polos consumos de alcohol e tabaco fortemente masculinizados. A partir de finais dos 70 o consumo de drogas a nivel estatal experimentou unha evolución ascendente que propiciou tanto a extensión deste consumo a nivel poboacional como o incremento da propia oferta de substancias ilegais. Durante as décadas dos 80 e 90 este modelo tradicional de consumo muda a consecuencia da masiva incorporación da mocidade e, especialmente, da muller a unha vida cunha presenza máis activa na esfera pública, o que tamén supuxo a incorporación destes colectivos ao consumo de drogas. Gran parte da responsabilidade deste cambio en aspectos tales como a menor percepción de risco, a elevada aceptabilidade social do consumo de drogas ilegais, a banalización dos efectos do seu consumo e a maior accesibilidade social ao mercado legal e ilegal de drogas, viron fomentados en España dende a “movida”, movemento xuvenil precursor da normalización do consumo. Este fenómeno condicionou as posicións e respostas tanto dos distintos axentes sociais e como das propias institucións, resignadas a convivir con esta realidade.

 

Finalmente, o resultado deste proceso consolidado nos nosos días, foi que o consumo de alcohol e outras drogas pasou a converterse nun elemento de referencia da cultura xuvenil, ocupando un papel central e incluso protagonista no tempo de ocio da fin de semana, actuando como elemento de integración ou marxinación social da mocidade. A potente estratexia de marketing desenvolvida pola industria vinculada á venda de bebidas alcohólicas e tabaco unida á empresa de ocio nocturno, conseguiron consolidar a asociación entre mocidade/ alcohol/ diversión/ amigos como referente imprescindible intrínseco á identidade xuvenil.

 

Datos epidemiolóxicos actuais poñen de manifesto que, lonxe de desaparecer, o consumo de drogas mantén unha presenza importante na identidade xuvenil, contribuíndo a empeorar parte das problemáticas existentes na nosa sociedade. Non debemos esquecer que o consumo de drogas é considerado como un dos problemas sociosanitarios máis importantes a nivel mundial. As investigacións realizadas en España adoitan mostrar preocupación pola evolución do consumo de drogas pois, non se pode relevar á consideración desta como unha problemática de índole privada de carácter homoxéneo e suxeita a variables estáticas, senón que temos que cambiar a perspectiva e atender ao consumo de drogas como un problema de carácter público síntoma de problemáticas profundas e heteroxéneas das persoas.

 

Fonte: (Plan de Trastornos Adictivos de Galicia 2011-2013).