Skip to Content

E-Drugs, drogas dixitais sonoras

Internet sorprende unha vez máis cun novo fenómeno que viaxa a través do ciberespacio: as drogas dixitais ou e-drugs. Este fenómeno dista en gran medida da concepción tradicional que tod@s temos do consumo de drogas, pois as e-drugs son “drogas sonoras”, é dicir, drogas dixitais que estimulan o cerebro a través da emisión de sons diferentes por cada oído, producindo sensacións de euforia, trance, relaxación...

 

As drogas dixitais son estímulos sonoros de pulsacións biaurales, é dicir, unha ilusión auditiva que xera o cerebro ao escoitar simultaneamente dous pulsos diferentes, un en cada oído, cunhas frecuencias que difiren en menos de 30 Hz. Ao escoitalos ao mesmo tempo, o cerebro humano transfórmaos dando lugar a sons diferentes aos orixinais. Desta maneira altéranse as ondas cerebrais ocasionando sensacións de euforia, trance ou relaxación, o que algúns denominan como “hipnose sonora”. As sesións ou doses de e-drugs requiren o uso de auriculares, teñen unha duración entre 15 e 30 minutos e un custo que oscila entre os 7 e os 150€.

 

Aínda que non existen estudos que alerten sobre as consecuencias do uso das e-drugs, xa que aparentemente nada leva a pensar que os usuarios corran risco de desenvolver dependencia pois o seu efecto cesa cando remata a sesión, detractores das e-drugs alzan a voz alertando da posibilidade de que o uso intensivo destes sons estimulantes  ou mesmo o tipo de son utilizado en cada sesión, poden xerar a longo prazo perturbacións na audición, disfuncións cerebrais e, nalgúns casos, ata presentar convulsións.


Pese as opinións de opositores as e-drugs, dende fai varios anos xa especialistas da neuropsicoloxía utilizan as pulsacións biaurales con fins terapéuticos para o tratamento do autismo ou para enfermidades mentais como a psicose.